O noso obxectivo fundamental é proporcionar aos nenos e adolescentes unha enriquecedora experiencia durante o mes de xullo, na que a meta das habilidades comunicativas en inglés transcorra en paralelo á promoción da convivencia respectuosa, a creatividade, o entretemento, a práctica deportiva, a conciencia multicultural e o afán de superación persoal.
Búscase proporcionar as máximas oportunidades posibles para a práctica e aprendizaxe do inglés. Para iso poñemos en práctica unha metodoloxía activa, proporcionando as maiores oportunidades posibles de práctica e aprendizaxe do idioma inglés, incluíndo múltiples actividades lingüísticas intensivas tales como teatro, música e presentacións orais, ademais de deportes e excursións, utilizando o inglés sempre como medio de comunicación, dentro dun marco xeral recreativo, propio dun programa que ten lugar no período estival e vacacional.
O programa diario de inglés na aula inclúe, entre outros elementos, o currículo de comunicación oral en inglés, de Trinity College London, a cuxas probas poden presentarse os participantes do Programa Completo (4 semanas) ao final do programa.
Para nós é un orgullo a atención personalizada de cada neno. A relación media participante-profesor, incluídos os profesores especializados de música e deportes, está por debaixo de 7 a 1. A través desta proporción pretendemos así mesmo incidir no máximo número de contextos de práctica lingüística dirixida e de exposición á lingua.
A presenza no campamento de participantes doutras nacionalidades e linguas maternas, estimula tamén o uso do inglés como medio de comunicación común, ao tempo que forxa unha moi enriquecedora experiencia multicultural.