O programa de español na aula do Spanish International Summer Camp deséñase atendendo ás necesidades individuais de cada participante, despois de realizar un test de nivel e tendo en conta a información académica achegada.
Seguimos un método comunicativo, baseado no enfoque por tarefas promulgado polo Marco Común Europeo de Referencia para as linguas: aprendizaxe, ensinanza e avaliación. O programa aborda as distintas competencias lingüísticas esixidas polos distintos niveis das probas de Español como Lingua Estranxeira (DELE), hoxe por hoxe as únicas certificacións oficiais, recoñecidas a nivel internacional, de acreditación de competencias en lingua española. Son emitidos polo Instituto Cervantes, en nome do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do goberno español.
Os participantes no campamento teñen 3 sesións diarias de 50 minutos de lingua e cultura españolas, de luns a venres.
Adicionalmente, participan en sesións de música e teatro, que desembocarán nunha actuación teatral/musical como produto final do curso.
Tanto os nenos como os adolescentes aprenderán a desenvolverse en diversas situacións do ámbito cotián. A metodoloxía empregada fai uso de abundante material audiovisual (cancións, vídeos, carteis, cómics) e lúdico (xogos didácticos), de modo que as clases son moi dinámicas, participativas e motivadoras.
Proporciónase aos estudantes todo o material didáctico confeccionado polo noso equipo académico.
O noso profesorado é nativo e altamente competente, con moita experiencia na didáctica do español para nenos e adolescentes.
Contamos así mesmo cun equipo de entusiastas monitores e instrutores deportivos, que tamén teñen o español como lingua materna.
A relación media participante-profesor, incluídos os profesores especializados de Música e Deportes, está por debaixo de 7 a 1.
A música e o teatro constitúen un compoñente esencial de todos os nosos campamentos. Ambas constitúen un marco excepcional, divertido e realmente estimulante no que promover a comunicación, a oratoria, a creatividade, a memoria, e o desenvolvemento persoal, entre moitas outras esferas.
Todos os campers, tanto os do English como o Spanish International Summer Camp, preparan, ao longo do programa un Concerto-Musical, que se escenifica ante familiares e amigos o último día do programa. Edicións anteriores inclúen versións estilizadas de Blancanieves, los 121/2 enananitos y sus 2 hadas (2015), Hamlet(2014), Romeo y Julieta (2013), Shrek (2012), The Blues Brothers (2011), Sister Act (2010) e Grease (2009), entre moitos outros.